Historia

Historia

Na comarca atopáronse restos de poboamentos palafíticos, tan propios da natureza lacustre da Veiga (feitos a base de madeira e barro), de planta circular e paramentos de cestería.

Da cultura castrexa hai igualmente moitas manifestacións, algunhas anteriores á Idade de Ferro. En Rairiz haberá que citar: Monte Albán (Sabariz) xacemento escavado por Cuevillas e Risco (nas que se atopou un rico enxoval de cerámica campaniforme e outros materiais).

De singular importancia para este territorio é a pegada romana; foi factor senlleiro a rede de rutas trazada logo de que as lexións de Roma traspasasen o Río do Esquecemento, o noso río Limia. Unha das máis importantes vías, a que Antonino no seu itinerario denomina vía XVIII ou Vía Nova, a que enlazaba Bracara Augusta (Braga) con Asturica Augusta (Astorga). Na provincia de Ourense cruzaba o Limia na Ponte Pedriña, entrando na depresión do Antela, xa na marxe dereita do río, precisamente nas terras do actual termo municipal de Rairiz.

Da arquitectura militar houbo unha importante mostra en Rairiz, concretamente a Torre de Celme, da que neste momento non quedan vestixios.

Da época de esplendor dos pazos, no concello de Rairiz de Veiga temos o pazo de Santa María de Ordes, conxunto de casas brasonadas e capela (hoxe en día aparecen moi transformadas).

Da de estilo Románico temos a igrexa de Santo André de Guillamil. A igrexa de Santa María de Lampaza e a de San Xoán de Rairiz de Veiga son do s. XVIII, coa clásica portada renacentista.

As mostras do Barroco atopámolas en San Martiño de Candás, Santa Mariña de Congostro, Santa María de Ordes, San Pedro de Sabariz.

A xustiza ordinaria na antiga xurisdición de Rairiz de Veiga correspondíalle ó Conde de Monterrei, auténtico administrador e propietario das terras correspondentes a seis parroquias. O resto do termo pertencía ó señorío do Conde de Moctezuma, que administraba as parroquias de Congostro e Ordes. O sistema feudal perdurou ó longo dos séculos, aínda que a división administrativa en concellos é anterior.

A mediados do século XIX queda constituído o Concello de Rairiz de Veiga.