RUTA DOS MUIÑOS DE SAN MIGUEL Para os amigos de ir a tiro fixo ofrécese unha ruta que arranca do mesmo Congostro, do lu gar chamado A Rebulleira. Apenas se pisa o asfalto. É un itinerario moi interesante tanto pola flora como polas construcións populares, e polas paisaxes que se dominan. O percorrido faise sempre cara a arriba; no km 0,6 vese o primeiro dos muíños, edificado a carón do rego de Penelas. A San Miguel chégase cando se levan 19 minutos de andadura; trátase dunha aldea que a pesar de ter algún elemento de materiais novos, polo xeral preséntase ben conservada, cunha boa colección de canastros. Xa no km 1,45 aparece un segundo muíño; tras unha pequena costa atópanse outros dous, un deles moi ben restaurado. Xa de volta atopamos un carreiro que nos leva ó impresionante castro de San Miguel, que compón unha magnífica paisaxe coa chaira da Limia ós pés. Atopámonos de novo coa aldea de San Miguel, deixando un restaurado forno que funciona de vez en cando. Pouco máis abaixo atopámonos co lugar de Santo André, unha aldea hoxe en día rehabilitada para turismo rural. Camiño abaixo atopámonos con Congostro e rematamos na súa espectacular aira. |